Loito na sanidade pontevedresa polo falecemento de Enrique Ortega, cirurxán do Hospital Domínguez
Por Redacción
O recoñecido cirurxián Enrique Ortega Pastor falecía na xornada deste martes 19 aos 77 anos de idade no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
O velorio desenvólvese na sexta planta do Hospital Miguel Domínguez e o funeral está previsto que comece, este mércores 20, ás 19.00 horas na Igrexa de San Bartolomeu en Pontevedra.
Este médico andaluz de nacemento e galego de adopción, estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e completou a especialidade de Cirurxía en Barcelona.
Durante anos desenvolveu o seu labor profesional nos Hospitais Montecelo e Miguel Domínguez, centro no que aínda continuaba exercendo o seu traballo.
Casado con Carmen Domínguez e pai de catro fillos, Enrique Ortega profesaba con orgullo a súa condición de pontevedrés e a súa devoción pola profesión médica. Dende o Grupo Hospitais Miguel Domínguez emitiuse un comunicado para "trasladar o máis sentido pésame á familia e achegados do doutor, ademais de transmitir publicamente o seu recoñecemento a un referente da cirurxía en Galicia e a un grande amigo". Durante as últimas horas expresáronse numerosas mostras de condolencia entre a sanidade pontevedresa por esta irreparale perda.