Proxectan crear un 'skate park' xunto á Casa de Cultura de Adina
Por Redacción
Os afeccionados á práctica do 'skate' contarán cun espazo habilitado especialmente para eles no ámbito da Casa de Cultura de Adina, segundo informa o Concello de Sanxenxo.
Son polo menos os plans do goberno local, que pretende dar así resposta "á demanda que dende hai varios anos nos trasladan afeccionados a este deporte e que agora estamos en condicións de atender unha vez que o Concello dispón xa do terreo axeitado en propiedade", sinalou a alcaldesa Catalina González.
O proxecto contempla a creación dun 'skate park' que contará cun quarter, un funbox, unha rampla estreita, dous box e un planter, "equipamentos para que os mozos e mozas do concello destinen o seu tempo libre á realización deste deporte e sexa un lugar de encontro e de lecer para eles", engadiu a rexedora.
Esta actuación supoñerá un investimento próximo aos 18.000 euros, aínda que a intención do Concello é lograr que o Grupo de Desenvolvemento Rural financie o 50% a través da convovatoria de axudas recentemente aberta.