A Plataforma 'Non Crematorios Pontevedra Leste' alerta da visita do xerente de Funespaña
Por Redacción
Un grupo de dez afectados da 'Plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste' concentráronse este luns ante o edificio do Concello de Pontevedra para reclamar que os grupos políticos se poñan en contacto coa empresa Funespaña para coñecer con detalle as súas pretensións de futuro. José Antonio Ramírez, voceiro dos afectados sinalou que era un dos compromisos adquirido por parte dos tres grupos políticos con representación municipal e, non obstante, aínda non saben se obtiveron algunha resposta por parte da empresa interesada en construír un crematorio en San Amaro.
Segundo expón o voceiro veciñal, o colectivo obtivo información sobre a presenza a principios de setembro do xerente de Funespaña en Pontevedra e queren saber se o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mantivo algún contacto con este representante.
Ademais, reclaman que dende o goberno local se poñan en contacto con algún dos departamentos da Xunta de Galicia, que poida ofrecer algunha luz sobre este problema da ubicación dos crematorios.
Dende a Plataforma afirman que continuarán realizando actos de protesta ata que se lles ofreza resposta as súas demandas.