A flota cambadesa capturou máis de 41 toneladas de zamburiña nas tres primeiras semanas de campaña
Por Alejandro Espiño
A campaña da zamburiña está superando as previsións iniciais. A flota da confraría de Cambados, unha das máis activas neste a captura deste molusco, recolleu máis de 41 toneladas de zamburiña nas tres primeiras semanas de campaña, iniciada o pasado 5 de novembro e que se estenderá durante cinco meses, ata finais de marzo.
"Este ano a campaña está resultando moi positiva, tanto en cantidade como en calidade do produto", sinalan desde a confraría. "As mostraxes de biotoxinas tamén están sendo excelentes pois non aparecen indicios de toxicidade".
Os prezos oscilan entre 1,50 euros por quilo a zamburiña pequena, ata os 5,20 euros por quilo a grande, quedándose a media en 2,5-3 euros o quilo. Son cantidades similares aos da campaña anterior.
Segundo a confraría de Cambados, a maior parte das capturas véndese ás industrias conserveiras, chegando aos mercados de toda España e ata internacionais, mentres que o produto en fresco véndese sobre todo no mercado galego.
Ao redor de 35 barcos do pósito cambadés traballan na campaña da zamburiña. A maior parte emprega o do "bou de vara", mentres que o resto usa o rastro de volandeira. Trátase dunha flota con características similares á que traballa na captura da vieira.