As peñas poñen a nota de cor na primeira cita coa Feira da Peregrina
Por Diego Torrado
As peñas taurinas deron, como vén sendo habitual, a nota de cor no inicio da Feira da Peregrina. Se ben dentro do coso de San Roque se viu unha entrada máis frouxa do habitual, os afeccionados que se achegaron a ver a lida de Sebastián Castella, Daniel Luque e Enrique Ponce fixéronse notar no tendido coas súas tradicionais camisas e casetas de cores e os seus habituais cánticos.
Dende primeira hora da tarde, a súa presenza inundou gran parte da cidade, especialmente nos locais de hostalaría onde se foron reunindo os peñistas para celebrar as súas respectivas comidas de confraternidade. A partir das seis da tarde comezaron a achegarse ata a praza de touros para ir ocupando os seus asentos, á espera de que comezase a corrida, a primeira das catro que forman a programación desta feira.
Este domingo terán unha nova oportunidade para mostrar a súa afección polos touros. Será coa faena que, a partir das 19.00 horas, protagonizarán os destros Julián López 'El Juli', Miguel Ángel Perera e Iván Fandiño, que lidarán todos da gandaría de Victoriano del Río.