Escavarán parte de Santa Clara ante a aparición dos últimos achados arqueolóxicos
Por Redacción
A aparición de restos arqueolóxicos nas obras de reforma da rúa Santa Clara obrigarán a facer unha serie de actuacións complementarias. A máis importante unha escavación do sector afectado por estes achados, supostamente relacionados co pavimento orixinal do Camiño Vello dos Arrieiros. Unha Xunta de Goberno extraordinaria autorizou a contratación destes traballos, que contarán cun orzamento de 65.000 euros.
Tralo descubrimento destes pavimentos pétreos de época moderna e algunhas pezas de cerámica medieval, informouse a Patrimonio da Xunta, que acordou escavar toda a área. Ademais farase un traballo de campo a cargo dun equipo de arqueólogos, que terán unha duración total de un mes e medio. Durante este prazo queda suspendido o prazo de execución outorgado á empresa contratista das obras de reurbanización integral de Santa Clara.
Este proxecto consiste na escavación mecánica ata unha cota de 45 centímetros por enriba do nivel no que aparecen as estruturas. A partir de aí baixarase con escavación manual. Ao mesmo tempo, inclúense as partidas necesarias para a instalación de pasarelas metálicas de 1,80 centímetros para dar paso provisional aos veciños e acceso aos comercios. As pasarelas terán a robustez necesaria para permitir a carga e descarga para os locais que o precisen.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, destacou que con esta escavación "estamos diante dunha oportunidade de coñecer mellor a historia da cidade". Non obstante, sinalou que tamén é necesario actuar con rapidez para minimizar as molestias aos veciños e comerciantes.
As obras da rúa de Santa Clara continúan con normalidade nos ámbitos que non están afectados polos achados arqueolóxicos, é dicir a praza de José Martí e no tramo situado entre o aparcamento de Froiz e un garaxe particular, que este mércores quedou xa pavimentado.
Relacionadas:
-
Sería unha boa noticia que aparecesen valiosos restos arqueolóxicos en Santa Clara?
Por Oskar Viéitez |
-
Os comerciantes de Santa Clara protestan polo atraso da reforma da rúa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Comerciantes de Santa Clara solicitan unha reunión con Louro para pedirlle que se axilicen as obras
Por Redacción |
-
As obras en Santa Clara sufrirán un atraso de dúas semanas pola aparición de restos do Camiño de Castela
Por Redacción |
-
Patrimonio avaliará a importancia de dous enlousados pétreos aparecidos nas obras de Santa Clara
Por Redacción |
-
A segunda fase das obras de reforma de Santa Clara, listas antes de que acabe xuño
Por Redacción |