Fomento abre expediente a Audasa polas "retencións inxustificadas" na autoestrada AP-9
Por Redacción
O Ministerio de Fomento abriu un expediente informativo a Audasa polas "demoras excesivas" que se produciron en reiteradas ocasións nas peaxes da autoestrada AP-9, especialmente intensas nas últimas semanas.
Segundo o Goberno, esta conduta causou "retencións inxustificadas do tráfico", máis acusadas "en datas de retorno de festividades" e das que non consta a súa emenda.
O departamento que dirixe Ana Pastor entende que a concesionara da AP-9 puido incorrer nun "posible incumprimento das obrigas de prestación do servizo ao usuario coa debida dilixencia", algo establecido no seu contrato.
Fomento reclama a Audasa "axilidade" nas peaxes nas datas de maior afluencia de vehículos, "dispoñendo para iso as medidas necesarias" e tendo en conta que estas situacións non corresponden a "circunstancias imprevisibles".
Ao tempo que se instrúe este expediente, nun prazo máximo de dez días, a partir da data da resolución, o Ministerio deu instrucións para que comparezan os seus propios inspectores durante os momentos de maior afluencia nas peaxes desta vía, co fin de que "comproben 'in situ' a axeitada prestación do servizo".
Relacionadas:
-
Fomento amenaza a Audasa con retirarlle a concesión da AP-9 se se reiteran os problemas
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG esixe a Fomento que sancione a Audasa polos atascos na AP-9
Por Redacción |
-
Unha avalancha de coches colapsa os accesos ás praias
Por Redacción |
-
Denuncian en Bruxelas o "comportamento abusivo" de Audasa polos atascos na AP-9
Por Redacción |