Esnaquiza o coche do seu noivo e, tras ser localizada, dille á Policía que "valió la pena"
Por Natalia Puga
Unha pontevedresa rematou no calabozo por supostamente esnaquizar o coche da súa parella e negarse a realizar a proba de alcoholemia cando foi localizada conducindo. A moza recoñeceu á Policía Local que encaixou o seu vehículo contra o da súa parella e logo pateouno e asegurou que non se arrepentía de telo feito, senón todo o contrario, que "valió la pena" pola satisfacción que lle produxo.
Os feitos aconteceron sobre as 7.00 horas do venres 25 de xullo. A moza, de 32 anos, chegou á rúa Gaiteiro de Soutelo, no barrio de Loureiro Crespo, e encaixou o seu coche contra outro que estaba alí estacionado. A continuación, golpeouno a patadas e puñazos e, cando xa lle causara importantes estragos, abandonou o lugar. A escena presenciouna unha veciña da rúa que estaba a durmir. Espertou co ruído e tomou os datos da matrícula do coche da atacante.
A veciña alertou a Policía Local e mentres unha patrulla se achegou a comprobar os danos causados no coche outra dedicouse a buscar o vehículo no que escapara a suposta autora dos danos. Localizárona na avenida de Bos Aires cando circulaba en dirección a Marín, acenderon os sinais acústicos e luminosos do vehículo e déronlle o alto.
A condutora parouse á altura da parada de autobús e os axentes constataron que presentaba claros síntomas de encontrarse baixo os efectos do alcohol e estaba moi nerviosa. Cando lle preguntaron se era a persoa que minutos antes danara un coche en Gaiteiro de Soutelo, recoñeceu que si, que danara o Peugeot 206 da súa parella e que non se arrepentía.
Negouse a facer a proba de alcoholemia: "que no, tío, que voy cargada de chupitos y me voy a cargar el aparato"
A rapaza transmitiu aos axentes que lle daba igual as consecuencias que puidesen ter os seus actos, pois "valió la pena romper el coche". Ante esta confesión, e tras comprobar outra patrulla policial que os danos causados no vehículo eran superiores a 400 euros, os axentes comunicáronlle que sería detida como suposta autora dun delito de danos.
Ademais, solicitáronlle que se sometese á proba de alcoholemia, pois fora localizada ao volante, pero ela negouse rotundamente a realizar o test. Os axentes indicáronlle que rexeitar facer a proba era un delito, pero ela insistiu e díxolles: "que no, tío, que voy cargada de chupitos y me voy a cargar el aparato".
Aínda cando os policías lle dixeron que podería ser trasladada ao calabozo por un delito contra a seguridade do tráfico se se negaba a realizar a proba, mantivo e actitude. Ademais, reaccionou forcexando cos axentes que querían trasladala ás instalacións policiais e finalmente foi necesario poñelo grifóns para trasladala á Comisaría.
Durante o traslado, insultou os axentes ao berro de "hijos de puta", "cabrones" ou "basura" e negouse tamén a asinar o documento polo que se lle comunicaban os seus dereitos como detida. Atribúenselle dous delitos (danos e seguridade vial) e o seu vehículo foi trasladado ao depósito municipal da grúa.