O primeiro semestre pechou en Poio co dobre de detidos que en 2013
Por Natalia Puga
Entre xaneiro e xuño de 2014 as Forzas de Seguridade detiveron 45 persoas no Concello de Poio, máis do dobre que no mesmo período do ano anterior. O primeiro semestre de 2013 pechara con 21 persoas detidas.
Os datos facilitounos o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, ao termo da Xunta Local de Seguridade de Poio. Segundo explicou, este aumento no número de detidos non implica que aumentase a cantidade de delincuencia no termo municipal, senón por "el carácter de los delitos en sí", xa que algúns derivan en que o seu suposto autor sexa imputado e outros, detido.
De feito, segundo os datos facilitados tras reunirse co representantes das policías Local e Autonómica e a Garda Civil, no primeiro semestre se produciu un descenso do 13,58% no número de delitos e faltas rexistrados en Poio. Os delitos baixaron un 14,5% e as faltas, un 12,5%.
Si aumentou a criminalidade en relación cos delitos contra o patrimonio (roubos e furtos fundamentalmente), que creceron entre xaneiro e xuño un 6,67% en relación co mesmo período de 2013. En global, segundo o subdelegado, "en palabras del capitán de la Guardia Civil, que hago mías, Poio es un municipio seguro".
"Sí que hay seguridad en esta zona", indicou Coello, algo que asegura que se corrobora co balance anual realizado na Xunta Local de Seguridade. O alcalde, Luciano Sobral, destacou que "a prevención fai moito" para lograr estas cifras e que, na súa opinión, "a boa noticia sempre é que non haxa noticias malas".
Estas cifras de descenso xeral da criminalidade teñen moito que ver, segundo o subdelegado e o alcalde, coa colaboración entre as distintas Forzas e Corpos de Seguridade, fundamentalmente, a Policía Local e a Garda Civil. Como exemplo desta cooperación, Antonio Coello citou a actuación da orquestra Panorama, que congregou máis de 3.000 persoas; a travesía a nado á illa de Tambo; ou as festas de Combarro. "No hubo ningún problema de seguridad y es de agradecer", asegurou.