Convenio entre Xunta e Concello de Marín para poñer en valor os petróglifos de Mogor
Por Redacción
Poñer en valor o centro de interpretación dos petroglifos de Mogor. Será o obxectivo dun convenio que asinarán o Concello de Marín e a Xunta de Galicia, unha vez sexa aprobado polo Pleno da corporación municipal.
En concreto, o documento propón a creación dunhas plataformas na área arqueolóxica dende a cal poder visitar a zona e darlle unha maior relevancia ao conxunto mediante a produción e montaxe dun programa museográfico, composto por paneis explicativos, que dea unha maior información aos visitantes.
Dende o Concello de Marín celebran que a Xunta de Galicia estea disposta a dar este paso na posta en valor desta área, que dende a súa rehabilitación "necesita contar cun contido e unha zona explicativa que facilite a súa presentación e a súa información".
En virtude deste convenio, a Consellería de Educación e Cultura contratará estas actuacións e financiaraas con cargo aos Orzamentos Xerais da comunidade; mentres que o goberno municipal comprométese a poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios e a asumir a xestión, o mantemento e conservación das estruturas que se habiliten.
O convenio preténdese levar ao Pleno na súa seguinte convocatoria, para que poida ser unha realidade o antes posible.