Ethel Vázquez afirma que as obras no Saco de Fefiñáns mellorarán as augas da ría
Por Redacción
A posta en marcha das obras do Plan de Saneamento Integral para a recollida de vertidos no Saco de Fefiñáns, en Cambados, mellorará a calidade das augas da ría de Arousa de xeito "notable", asegurou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.
A conselleira supervisou este luns o inicio das obras e aclarou que estes beneficios xa se notarán este mesmo ano, xa que en tres meses estarán rematadas as obras que eliminarán os vertidos sen depurar dun colector de saneamento que non está conectado á rede de depuradora. Augas de Galicia destina máis dun millón de euros para a execución do conxunto dos traballos.
Trátase dos traballos incluídos na primeira fase e consisten en afrontar o saneamento da rúa Pombal, paralela á estrada autonómica PO-549 (Vilagarcía de Arousa- Cambados) e cuxo sistema de sumidoiros verte directamente sen tratamento sobre un dos dous regatos que chegan ao fondo do saco.
Con estes traballos mellorarase o saneamento cambiando 120 metros de colectores e instalando unha pequena estación de bombeo no punto baixo da zona no río Corvillón para recoller as augas residuais das vivendas desa rúa para impulsalas e poder conectalas á rede de saneamento actualmente existente.