O Concello de Poio debe 7,26 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, sostén que a débeda do Concello de Poio estase reducindo bastante. A porcentaxe de débeda viva que se ten cos bancos é de case o 68%, e recorda que o ano pasado pechouse con algo máis dun 74%, no límite do permitido polo Ministerio de Facenda que é do 75%.
A débeda municipal sitúase en 7.259.000 euros.
Sobral calcula que este ano 2014 as arcas muncipais terán un desfase orzamentario de preto de medio millón de euros, fronte aos 700.000 euros do ano 2013 e o millón de euros de 2011.
Doutra banda, os fondos líquidos de tesourería, é dicir a cantidade de diñeiro que actualmente ten o Concello de Poio en caixa a día de hoxe, é de 1.160.000 euros.
Co último informe da interventora municipal enriba da mesa do seu despacho o rexedor recoñece que o pasado mes de xuño había unha partida de máis de 40.000 euros en facturas sen pagar.
A interventora recorda ao goberno local que a lei de morosidade esixe reducir en dez puntos a súa axilidade de pago de facturas pois o tempo medio de abono é de corenta días, mentres que a lei di que debe facerse en trinta.
Este informe irá próximamente ao pleno.