O concello aposta pola remodelación integral de Luís Rocafort que precisará 1,1 millóns de euros
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo remitiu á Deputación de Pontevedra o proxecto de urbanización da EP-9204, designada como avenida Luís Rocafort, da que é titular o organismo provincial e na que ambas institucións pretenden acometer unha actuación que transforme a súa fisonomía e mellore os servizos.
O goberno local aposta por unha remodelación integral deste vial, que comunica a PO-308 co Paseo de Silgar, dado o estado que presenta polo tráfico que soporta e tamén pola antigüidade das redes urbanas e a inexistencia dun sistema separativo de augas.
A intención do Executivo sanxenxino é a de dotar de beirarrúas á totalidade da vía, renovar a pavimentación e señalización da estrada, ademais da rede de alumado público, de abastecemento de auga e saneamento urbano. A actuación incluirá ademais a instalación dunha rede de recollida de augas pluviais, a colocación de mobiliario urbano e de protección contraincendios e o axardinamento.
"Con esta intervención melloraremos de xeito substancial unha das arterias principias da vila Sanxenxo, algo moi necesario e demandado polos veciños e que ademais resultará beneficioso para a imaxe deste destino turístico, xa que ofrece ao visitante a primeira visión do mar", sinalaron desde o Executivo local.
Para acometer estas obras, que se estenderán ao longo dunha superficie que conta cunha lonxitude de 570 metros, será preciso realizar un investimento de 1,1 millóns de euros. A Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo financiarán a urbanización da avenida a través da firma dun convenio.
"A execución deste proxecto é prioritario para este Goberno e por iso optamos por dedicar integramente a estes traballos as achegas correspondentes aos plans de obras do organismo provincial", apuntaron os responsables municipais.