O Burgo volve a sacar á rúa ao seu Santiaguiño para mostrar a súa devoción
Por Redacción
O barrio do Burgo vestiu este venres as súas mellores galas para celebrar o día grande das festas de Santiaguiño. Centos de veciños participaron nas numerosas actividades que se organizaron durante toda a xornada. Especial interese tiveron a carreira popular celebrada nas inmediacións da Ponte do Burgo e a procesión que tivo lugar por todo o barrio tras a misa solemne en honor ao santo.
Dende as once e media da mañá, un pasarrúas a cargo dos grupos Xoldra e Os de Algures animaron o ambiente festivo do barrio antes daqueles que acudía a venerar o santo chegasen ás inmediacións da igrexa parroquial. Baixo un sol de xustiza e o son das tracas de artificio, sobre as 13.00 horas, saía a imaxe de Santiaguiño do Burgo na tradicional procesión.
Acompañado dos acordes da Banda de Música de Pontevedra e do talle de Santa Ana, que tamén se venera no Burgo, o santo percorreu varias rúas do barrio como Leonardo Enríquez, a Avenida de Compostela ou Juan Manuel Pintos, antes de volver á súa capela.
No desfile relixioso participaron tamén a Asociación de Amigos do Camiño Portugués e a Confraría do Apóstolo Santiago cos seus respectivos estandartes e o pendón da antiga confraría, que data do ano 1945.
A vertente relixiosa da festa dará paso á parte máis lúdica de Santiaguiño do Burgo coa verbena a cargo das orquestras Anduriña e Hiroshima e a tradicional tirada de fogos de artificio entre as pontes do Burgo e Santiago.
Entre outras citas, as festas continuarán este sábado 26 de xullo coa XVI festa homenaxe ás persoas maiores, que se celebrará no Teatro Principal e que estará amenizado polo grupo Maravallada; e a verbena coas orquestras Latinos e Cosmos de Vigo. O domingo, a música no Recinto Feiral poñeraa a orquestra Costa Branca.