A Lama celebra as festas na honra a San Joaquín e Santa Ana esta fin de semana
Por Redacción
O municipio da Lama celebra as festas en honor a San Joaquín e Santa Ana con diversas actividades lúdicas e actos relixiosos que se prolongarán durante os días 26, 27 e 28 de xullo e que terán á música de banda como un dos seus principais atractivos.
Os actos comezarán o sábado, día 26 de xullo, cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Unión Musical de Lantaño que amenizará as primeiras horas do día anunciando o carácter festivo da xornada. Ás 13 horas terá lugar a Misa Solemne mentres que o concerto da agrupación musical se desenvolverá na Alameda a partir das 20 horas. A xornada rematará cunha gran verbena amenizada polas orquestras Acirema e Amazonas.
O domingo día 27 tomará o relevo a Banda de Música de Salcedo, que será a encargada de facer o pasarrúas matinal e acompañar os oficios relixiosos que comezarán ás 13 horas. Esta agrupación musical será a encargada de ofrecer un concerto, a partir das 20 horas, tamén na Alameda. A verbena desta noite correrá a Cargo de Alabama e Hiroshima.
A xornada do luns estará dedicada aos máis pequenos da casa con xogos populares, na Alameda, a partir das 20 horas, e cun ciclo de cine na rúa, a partir das 22 horas.
As festas contan coa colaboración da Comunidade de Montes da Lama, a Deputación de Pontevedra e o Concello da Lama.