Uns vándalos deixan sen iluminación pública a parte de Xustáns tras esnaquizar o cadro eléctrico
Por Redacción
Un acto vandálico deixou sen iluminación pública o lugar de Aluncía, na parroquia de Xustáns. Segundo a denuncia presentada polos veciños, a pasada madrugada un grupo de descoñecidos procederon a esnaquizar o cadro eléctrico que dá servizo nocturno aos farois que iluminan esta zona.
Unha vez dado o aviso por parte dos veciños, desprazáronse ao lugar dos feitos tanto efectivos da Policía Local de Ponte Caldelas como operarios municipais que puideron comprobar a gravidade dos danos vandálicos ocasionados e que provocaron, ademais do consabido gasto económico ao Concello, que os veciños deste lugar se vexan privados da iluminación pública mentres dura a súa reparación.
Os axentes da Policía Local iniciaron as pescudas necesarias para dar cos autores deste acto vandálico que tantos trastornos ocasionan non só ao persoal municipal senón tamén aos veciños afectados. Por agora, non foron identificados.