Un millón de euros para o ámbito de Santa María, A Ferrería e Valentín García Escudero
Por Redacción
Ata un millón de euros investirá o Concello de Pontevedra en obras de mellora e rehabilitación integral de distintas rúas e espazos no centro histórico durante os anos 2015 e 2016. Trátanse de traballos que estarán vinculados ás obras públicas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) solicitada para todo este ámbito e concedida hai case dous anos.
Segundo o concelleiro responsable do Centro Histórico, Luis Bará, o goberno municipal está a espera da inminente aprobación dos fondos para Pontevedra, logo de que o Consello de Ministros aprobara as consignacións para este fin.
Dentro da obra pública prevista ao amparo do ARI, o concelleiro anunciou a reforma integral de Platería vella, Tristán de Montenegro e Albar Páez, as tres no ámbito de Santa María e que "quedaron fóra de outras actuacións e están en mal estado", o tramo da Praza da Ferrería situado entre a rúa Pasantería e o Paseo de Odriozola (diante dos sindicatos) e na Praza de Ourense, "onde queremos facer unhas pequenas melloras".
En todas elas renovaranse completamente os servizos e a súa pavimentación. A actuación na Ferrería completarase coa creación de novos quioscos acordes co espazo no que se atopan e con materiais nobres. combinando madeira e metal. Búscase, dixo Bará, un deseño "moderno" aínda que respectuoso co entorno. Neles revisarase tamén a súa concesión e poderase establecer "algún tipo de canon".
Ademais, actuarase na Praza do Peirao e en Valentín García Escudero, nas que se cambiará o valado exterior do xacemento arqueolóxico, se mellorará a iluminación e os xardíns e procederase a soterrar o transformador eléctrico. Tamén se creará unha nova sinalización para todo este ámbito e para o do espazo arqueolóxico de Santa María "sen saturar o centro histórico, que non somos partidarios diso".
Polo de agora, o Concello de Pontevedra non sabe os cartos dos que disporá, porque o edil nacionalista recordou que dependerá do número de propietarios que soliciten a axuda para a rehabilitación das súas vivendas. En todo caso, completarase con fondos propios.
Luis Bará manterá unha reunión o vindeiro mércores con Zona Monumental e a Asociación de Veciños Santa María para informarlles destas actuacións. Será na Casa Azul. Os proxectos aínda se están redactando polo que están suxeitos a posibles cambios e achegas para melloralos. A intención é que estean listo a finais de ano para poder executar estes traballos a partir do primeiro trimestre de 2015.
Relacionadas:
-
Louro lamenta o retraso e a escaseza das axudas á rehabilitación no Centro Histórico
Por Redacción |
-
Unanimidade no Concello para solicitar que se doten fondos para a rehabilitación da zona antiga
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 60 propietarios agardan as axudas da Xunta para rehabilitar inmobles do centro histórico
Por Redacción |