PP e Compromiso por Galicia critican o alcalde de Poio por "abusar do populismo"
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Poio buscou os apoios de Anova, Compromiso por Galicia e Podemos para facer unha fronte común contra a política o alcalde de Poio, Luciano Sobral (BNG).
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves no local social do Pereiro, o presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, explicou que todas estas formacións políticas participaron unha reunión na que se criticou a "instrumentalización" do Concello que, ao seu xuízo, fai o Bloque.
As críticas personalizáronse no alcalde Luciano Sobral a quen acusan de "abusar do populismo" e xestionar o municipio con "prácticas caciquiles" que "só pretende perpetuarse no poder" acudindo a "tabernas, festas e tanatorios" pero sen resolver os "problemas reais" dos cidadáns.
Moldes citou entre eses problemas: a falta de depuradora de augas no municipio, os malos olores en Campelo, as beirarrúas desta mesma parroquia, onde o alcalde "non" quere negociar" cos propietarios a cesión dos terreos.
Pola súa banda, o voceiro local da agrupación Compromiso por Galicia, Cristóbal Mora, reprochou a Luciano Sobral a súa "falta de transparencia e total ocultismo", e sumou a eses problemas do concello a necesidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Nesta comparecencia na que se expresou a "formulación común" destas formacións políticas, Moldes asegurou que o 90% dos que gaban a xestión do rexedor "son doadamente recoñecibles porque teñen edificacións ou negocios sen licenza ou teñen algún membro da súa familia contratado no Concello".
O voceiro popular concluíu afirmando que os únicos investimentos que se fan en Poio as está a pagar a Deputación.
RESPOSTA DO ALCALDE
De "chiquilladas" tachou o alcalde de Poio, Luciano Sobral, as críticas formuladas polo PP e Compromiso por Galicia. "Nós traballamos para atender os problemas dos veciños" afirmou o rexedor do BNG insistindo en que "dende que empecei na política me gusta percorrer o concello, falar coa xente, ver os problemas que hai e tratar de resolvelos. Non sei se iso é populismo".