Kiko da Silva, pregoeiro das Festas da Peregrina: "ÿ unha honra moi grande"
Por Alejandro Espiño
Desvelouse o misterio. O debuxante Kiko da Silva será o pregoeiro das Festas da Peregrina. Tras a actriz Andrea Bayer, o Concello de Pontevedra volve elixir unha persoa relacionada co mundo da cultura. Con el séguese a liña, destacou a concelleira de Festas, Carme da Silva, de recoñecer a persoas que fan o seu traballo en Pontevedra. "ÿ unha honra que aceptase ser o pregoeiro das festas deste ano", sinalou.
Kiko da Silva, que recoñeceu estar algo nervioso ante este reto, afirmou que dar o pregón das festas de Pontevedra lle produce "certa vertixe". Asegurou que unirse á lista de "grandes persoeiros" que foron pregoeiros das Festas da Peregrina "é unha honra moi grande". Especialmente porque sinala sentirse moi unido a unha cidade na que cursou os seus estudos universitarios e na que vive dende hai 18 anos.
O debuxante vigués explicou que encontrou en Pontevedra "todo o que necesitaba", sobre todo porque non conduce e aquí "todo está moi cerca" e porque conta cunha oferta cultural "brutal". Aquí coñeceu mesmo a súa muller e recoñece ter pasado " os mellores anos da miña vida". Empezou a colaborar con La Voz de Galicia e posteriormente puxo en marcha dous proxectos propios: a revista Retranca e O Garaxe Hermético, unha escola de debuxantes.
Este centro de formación para ilustradores naceu "sen subvencións" e froito unicamente da iniciativa privada, explicou Kiko da Silva. Decidiu crealo tras ver que "me estaba queixando demasiado de que non había formación especializada de banda deseñada en Galicia", algo que lle parecía "moi triste", porque é o sitio coa "maior canteira de debuxantes de España", a pesar de non ter industria como Madrid ou Barcelona.
O que tiña claro, dixo, era que Pontevedra debía acoller este proxecto, que actualmente conta cuns 40 alumnos, chegados mesmo de Sudamérica. "O lugar ao que lle debía que tivera unha escola de banda deseñada era o lugar onde eu aprendín", sinalou o debuxante tras recordar que estudou Belas Artes porque era "algo parecido" ao que el quería facer. "Eu quería ser debuxante de contos, non quería ser pintor nin escultor", explicou. Aí comezou o seu idilio con Pontevedra.
Con respecto ao pregón, que pronunciará o sábado 9 de agosto, ás 12.00 horas, dende o Pazo de Mugartegui, Kiko da Silva recoñeceu que "vou a decepcionar nunha cousa aos pontevedreses". Non haberá referencias ao Pontevedra CF porque " os debuxantes de cómic non sabemos nada de fútbol". Si as haberá á intensa actividade cultural dunha Pontevedra que, sinalou, "non é soamente unha cidade, é un lugar máxico".
O futuro pregoeiro, que desvelou que quere que "no día de mañá ás miñas cinzas estean aquí", destacou que para unha persoa "de ideoloxía galeguista e nacionalista coma min" é unha honra que este ano coincida que lle outorgasen o Premio Castelao de banda deseñada e que vaia dar o pregón das festas "máis importantes" da cidade na que Castelao "viviu e escribiu parte da súa obra". ÿ unha honra "inmensa", concluíu, para unha persoa que se declara "pontevedrés de adopción".