Reclaman unha Fiscalía Anticorrupción ante o "número e importancia" das investigacións en marcha en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O aumento de casos de corrupción rexistrados nos últimos anos na provincia de Pontevedra levou a que o Ministerio Público solicite a creación dunha Fiscalía especializada neste tipo de delitos. Así o recolle a Memoria da Fiscalía Provincial de Pontevedra.
O fiscal de delitos económicos, Augusto Santaló Ríos, destacou o "aumento sorprendente" deste tipo de causas en 2013.
"Chama a atención o número de querelas presentadas polo delito de fraude de subvencións", sinala este fiscal. En relación con esta figura delituosa detéctase, a xuízo deste delegado, "importantes deficiencias nas Administracións Públicas en canto ao control da concesión de subvencións".
Detectáronse "importantes deficiencias nas Administracións Públicas en canto ao control da concesión de subvencións"
Destácase, así mesmo, que "dado o número e importancia dos asuntos económicos a tratar nesta provincia", a Fiscalía de Delitos Económicos conta neste momento con seis fiscais asignados a esta materia, aínda que compatibilizando a especialidade co traballo ordinario nos Xulgados.
Dos seis fiscais vinculados á especialidade, tres despachan a capital da provincia e a súa área norte (o delegado da especialidade: Augusto Santaló e os fiscais Jesús Calles e Alejandro Pazos) e outros tres en Vigo e sur da provincia (Juan Carlos Horro, José Manuel Cobas e Juan Pablo Martínez).
A Fiscalía de Delitos Económicos practica investigacións relativas a asuntos de corrupción política, "das que neste momento non se poden ofrecer datos".
Moitos destes delitos teñen a súa orixe en dilixencias de investigación penal xurdidas no seo da Fiscalía, onde rematan habitualmente en querelas ou denuncias, e a súa base esencial son delitos que encadran formas de corrupción, aínda cando esta poida considerarse de "baixa intensidade", fundada en decisións administrativas "con conciencia da súa ilegalidade, que malia iso son asumidas polos autores, o que pon en dúbida entre outras cousas as figuras dos funcionarios que poñen de manifesto esa forma de actuar aos seus representantes, os que a pesar diso persisten nas súas actitudes, ata que estas son denunciadas", argumenta Santaló.
O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, xa deu trasladado esta petición
As formas delituosas maniféstanse das formas máis diversas, mediante fórmulas de contratación de persoal de forma irregular co pretexto de urxente necesidade, ou mediante a realización de contratos administrativos de tracto sucesivo para a realización de actividades ou servizos cuxa contratación debería ser sometida a concurso, e mediante a forma do tracto, evítase o devandito concurso, á aceptación de gastos extrapresupostarios de difícil xustificación.
Por todo isto a Memoria recolle que "é da maior importancia e urxencia que oficialmente se atribúa a esta Sección dende a Fiscalía Xeral do Estado para a investigación dos asuntos de corrupción, polo menos os de maior transcendencia, coa creación dunha delegación especifica da Fiscalía Anticorrupción".
O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, xa deu traslado a esta petición.