Sanxenxo arría a bandeira azul de Paxariñas polos desprendementos na ladeira
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo arriou a Bandeira Azul de Paxariñas debido aos desprendementos producidos o pasado inverno na ladeira polas continuas cicloxéneses explosivas rexistradas en Galicia. A Administración local atende así a recomendación realizada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, entidade que outorga o galardón en España, que estendeu esta solicitude a todas aquelas praias nas que ondean estes ecodistintivos afectadas polos temporais e nas que, por diferentes motivos, os danos non foron emendados na súa totalidade.
Este é o caso de Paxariñas, que conta cunha zona valada e sinalizada como medida de precaución, ata que a Dirección Xeral de Costas acondicione o acantilado afectado e tome as medidas precisas para garantir a seguridade total neste enclave.
E é que a Concellaría de Medio Ambiente reiterou en diversas ocasións ao departamento estatal a necesidade de emprender as accións oportunas de cara a solucionar esta situación. Segundo asegurou o edil delegado desta área, as obras a acometer xa foron confirmadas e levaranse a cabo con cargo aos Presupostos Xerais do Estado 2015.
De feito, o propio director xeral de Costas visitou recentemente o areal acompañado pola responsable provincial para analizar as posibles solucións que, en todo caso, "nunca se acometerán durante este verán xa que iso levaría ao peche total da praia ata a finalización dos traballos", comentou o edil.