A xuízo por lavar cartos da droga mercando pisos, empresas ou coches de alta gama
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o martes 27 o xuízo contra unha trama familiar arousana acusada de blanqueo de capitais procedentes do narcotráfico mediante a compra de pisos, fondos de investimento, coches, incluso un Cadillac tipo limusina.
O principal acusado é J.S.F.F. de 46 anos, que foi condenado en dúas ocasións por tráfico de estupefacientes, como membro dunha organización dedicada a introducir haxix en España da que formaba parte Laureano Oubiña.
Segundo o fiscal "froito das anteriores actividades o imputado obtivo ingresos económicos cos que foi adquirindo bens para cuxa ocultación serviuse de distintas persoas, todas elas familiares ou achegados, ao obxecto de evitar a súa intervención".
Xunto ao principal acusado acompañaranlle no banquiño dos acusados a súa nai R.F.C., o seu irmán G.F.F. e a súa ex esposa E.W.F. así como a súa noiva A.L.F. e un amigo E.V.C.
Entre todos eles, nos últimos anos, segundo o Ministerio Público realizaron unha serie de operacións como a compra de pisos, de importantes cantidades en fondos de investimento, a compra das sociedades Promopom e García e Meis, así como vehículos de alta gama, entre eles, un vehículo tipo limusina marca Cadillac modelo El Dorado.
A fiscalía acusaos dun delito continuado de blanqueo de capitais procedentes do narcotráfico polo que pide para o principal acusado a pena de seis anos de prisión e multa de setecentos mil euros con responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada 4.000 euros que deixe de aboar.
Para o resto de acusados pide cinco anos de prisión e multa de 650.000 euros excepto para o seu amigo E.V.C. que pola súa menor implicación na trama rebaixa a solicitude de pena a 4 anos de prisión e multa de 20.000 euros.
Ademais solicítase o comiso de todos os bens e efectos intervidos.