Búscase empresa de recadación municipal: pagamos ata 900.000 euros
Por Alejandro Espiño
Catro millóns de euros recadados por vía executiva, aos que hai que sumar o 1,4 millóns do pago voluntario de multas. Son os ingresos que, en materia de recadación municipal, tivo o Concello de Pontevedra en 2011. Todos eses ingresos xestiónaos a empresa Recyges, concesionaria do servizo. Pero o seu contrato finaliza en decembro e o goberno municipal debe renovalo.
Por iso, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria do concurso para o servizo de xestión recadatoria dos padróns ordinarios, é dicir, o abono das taxas de auga, o IBI e o pago voluntario das multas. Para iso, destinarase unha contía máxima de 900.000 euros e o contrato abarcará os próximos catro anos.
Segundo o voceiro municipal, Raimundo González, o goberno municipal espera rebaixar este gasto durante a presentación de ofertas. "Actualmente estamos pagando un 25% do recadado, cun tope máximo de 1.000 euros, cando ao principio nós ofertabamos un 30%", explicou. Trátase dun contrato que se prevé adxudicar no primeiro trimestre de 2013.
Contencioso contra a Xunta
Ademais, o Concello de Pontevedra anunciou a presentación dun recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Recórrese unha resolución da Consellería de Economía e Industria pola cal denegábase a Pontevedra unha subvención de 30.000 euros para unha actuación na Illa das Esculturas.
"Cumprimos con todos os trámites e presentamos os papeis a tempo", dixo Raimundo González, quen apuntou á certa "intencionalidade" política nesta decisión.