A Audiencia confirma que os terreos da Brilat son dos veciños
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de dar a razón aos veciños e comuneiros de Figueirido e Vilaboa en canto á titularidade dos terreos que ocupa a base da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat). Son montes comunais, non do Ministerio de Defensa.
Este luns fixéronse públicas dúas sentenzas da Sección Primeira da Audiencia Provincial. Nelas confírmanse as que ditaran previamente polos xulgados de Primera Intancia número 1 e 2 de Pontevedra, que daban a titularidade dos montes aos veciños.
O Ministerio de Defensa recorrera as citadas resolucións xudiciais, pero o tribunal desestima os recursos, de tal forma que os comuneiros de Vilaboa e Figueirido son titulares dos terreos, un total de 36 hectáreas situadas todas en chan vilaboense.
En ambos os dous litixios o Concello de Vilaboa aparece declarado en rebeldía, toda vez que figuraba como parte demandada pola Avogacía do Estado pola cesión no seu día destes terreos ao Ministerio de Defensa. Dende o Goberno local vilaboense non compareceron na causa.
Con estas dúas novas resolucións, e despois de que a Audiencia xa declarase tamén firme a sentenza relativa aos montes de Salcedo (170 hectáreas), a práctica totalidade das hectáreas que ocupa a Brilat en Pontevedra teñen titularidade comunal. O Ministerio de Defensa quédase con apenas unhas hectáreas da súa propiedade ou cedidas por particulares.
Relacionadas:
-
A Brilat celebra Santa Bárbara, patroa da súa Arma
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Salcedo queren 80 hectáreas ocupadas pola Brilat para uso propio
Por Anxo Lourido |
-
170 hectáreas da base da Brilat xa son de Salcedo
Por Natalia Puga |
-
Os terreos da Brilat, de Defensa ou dos veciños? A solución, o 15 de novembro
Por Natalia Puga |