Guillerme Vázquez: "isto non se parece á democracia pola que eu loitei"
Por Oskar Viéitez
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, visitou a caravana na que están aloxados membros de CIG e Comisións Obreiras nunha "xaxún rotatorio" para presionar aos xuíces para que revoguen a condena de tres anos de prisión a tres sindicalistas pola súa participación nun piquete en 2009.
"Non sei se o poderei expresar máis brevemente pero eu desde logo estou absolutamente farto da situación", sinalou Vázquez "nesta democracia que vivimos, os traballadores por defender os seus dereitos van ao cárcere mentres que os responsables deste desastre que estamos vivindo, banqueiros que desfalcan miles de millóns de euros, seguen sen que o poder xudicial lles toque un pelo", lamentou Vázquez.
Para o líder do BNG, situacións con esta lévanlle a suscitarse "en que democracia estamos vivindo" por iso afirmou que máis aló do caso concreto o Bloque defende "algo elemental: a democracia, o trato igual e a Xustiza igual para todos".
Vázquez asegurou confiar na "racionalidade" polo que "esta sentenza merece unha anulación, e desde logo non se pode seguir por esta vía, esperemos que á Xustiza lle entre un pouco de sentido común", comentou.
"A democarcia demóstrase con feitos", e para Guillerme Vázquez "a realidade é que isto non parece democracia práctica, polo menos non a democracia pola que eu loitei e na que aspiro vivir".
Desde o pasado venres, compañeiros dos condenados se turnan por parellas en roldas de 48 horas de folga de fame, previstas ata o 15 do decembro.