"Na nosa cona non manda ninguén"
Por Redacción
"Aborto libre e gratuíto", "Sexo cando desexo, embarazo cando decido", "A virxe María tamén abortaría", "Nós parimos, nós decidimos", "Sexualidade non é maternidade: parir non é o destino da muller" ou "Na nosa cona non manda ninguén". Son algunhas das mensaxes que lanzan as estatuas e monumentos de Pontevedra dende a mañá deste venres.
As cartolinas reivindicativas foron penduradas ao longo da noite por integrantes da Asemblea das Mulleres de Galiza Nova Pontevedra co obxectivo de amosar a súa oposición á Lei do Aborto que pretende aprobar o Goberno central. En concreto, segundo explican dende o colectivo, pretenden "evidenciar un rexeitamento por parte da sociedade pontevedresa, a unha lei anti-aborto que o ministro Ruíz Gallardón, co apoio do Partido Popular, da igrexa católica e dos sectores máis retrógrados e conservadores, pretende impoñer na nosa sociedade".
A Asemblea das Mulleres de Galiza Nova sostén que se está a vivir unha situación na que as mulleres "vemos como os nosos Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos están a ser atacados", e na que non se lles deixa decidir sobre o seu corpo. Ante esta situación, entenden que a loita feminista cobra moita máis importancia non só para combater as políticas de recortes, senón tamén na defensa das liberdades.
Anuncian xa que continuarán loitando "para evitar retrocedermos décadas" en dereitos e liberdades como aseguran que pretende o PP. Para isto, fan un chamamento á sociedade para que se rebele contra estas políticas e diga "non a esta sociedade machista e patriarcal".
Relacionadas:
-
Unha concentración reclamará este luns en Pontevedra un aborto "libre e seguro"
Por Redacción |
-
Pontevedra súmase á estrea simultánea en toda España de 'El tren de la libertad'
Por Redacción |
-
Rosarios, agullas, pirixel e billetes a Londres, 'agasallos' a Gallardón e Feijóo pola reforma do aborto
Por Alejandro Espiño |
-
A Plataforma polo Dereito ao Aborto condena o "ataque" de asociacións "retrógadas e ultracatólicas" ao Concello
Por Redacción |