Actividades para nenos, música e un xantar popular; principais atractivos da XIX edición do Festixeve
Por Alejandro Espiño
Volve o Festixeve. A Asociación Recreativa de Xeve xa ten todo listo para celebrar a décimo novena edición deste evento lúdico e festivo, xa consolidado non só entre os veciños da parroquia, senón en todo o municipio. De novo, as súas actividades celebraranse arredor da carballeira situada no lugar de Vilar de Fragoso (Santo André de Xeve). Será os vindeiros 26 e 27 de xullo, segundo se avanzou na súa presentación.
En ambas xornadas haberá inchables así como xogos populares para nenos durante a tarde do sábado e toda a xornada do domingo. Pero as actividades para eles comezarán xa o xoves e o venres cunha serie de competición deportivas ou cun karaoke nocturno, segundo explicou o presidente da Asociación Recreativa de Xeve, Florencio Chantrero, que sinalou que o obxectivo é que haxa "actividades para todas as idades".
Nos dous días grandes, a música será a gran protagonista. O día 26 está prevista a actuación da charanga Foula e unha verbena galega coa actuación dos grupos Malvela, Pachanga galega, O Sonoro Maxín e Picadiscos. Esta última aposta por un formato co que estas agrupacións pretenden recuperar unha "determinada forma" de facer a verbena, explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva. "Ofrecen diferente tipo de música en función da hora e da xente".
Para o domingo 27 de xullo está prevista a actuación de Olodum do Coio. Pero o verdadeiro atractivo, explicou Florencio Chantrero, está na xuntanza popular que se produce na carballeira, na que os veciños "levan a súa comida" e participan nun encontro no que hai tamén servizo de bar. Ademais, como todos os anos habilitarase unha zona de acampada para os que desexen pasar alí a noite.
Carme da Silva destacou a importancia de que o Concello apoie este festival que se ven celebrando ano tras ano por iniciativa dos veciños de Xeve. Alabou o esforzo da Asociación Recreativa de Xeve en organizar esta actividade, e agradeceu a súa sistemática participación en todos os actos festivos e culturais do concello como o Entroido, xa que se encargan de facer o Ravachol, ou na Feira Franca.