Lupe Murillo releva a José Manuel Fernández no Consello e a Presidencia do Pontevedra
Por Redacción
"Deixo de ser conselleiro e presidente do club". O anuncio realizábao poucos minutos antes da media noite o ata este luns presidente do Pontevedra, José Manuel Fernández, ao termo da reunión do Consello de Administración do club granate. Daba a coñecer, á súa vez, o nome de quen o releva xa como membro do Consello e presidenta: Lupe Murillo.
O xa ex presidente foi parco nas súas declaracións para deixar a palabra á súa substituta, pois "tócalle a ela, é a protagonista hoxe, non son eu". Ela recolleu a luva e explicou o proceso polo que, tras unha reunión do Consello de Administración de pouco máis de tres horas, pasou a ocupar a praza da que dimitiu José Manuel Fernández. El xa anunciara tras as dúas últimas reunións do Consello a súa intención de poñer fin a esta etapa no Pontevedra e este luns confirmouna, deixando vacante a praza que xa ocupa Lupe Murillo.
Entrou Lupe Murillo nomeada por cooptación, para ocupar o cargo do dimisionario tanto como membro do Consello como na Presidencia. Para este nomeamento non houbo, segundo ela mesma recoñeceu, unanimidade de todos os conselleiros, pero si que o logrou. De todos os xeitos, deberá confirmarse cunha votación na próxima Xunta de Accionistas do Pontevedra.
A nova máxima representante do club cualificou como "fácil" o proceso polo que chegou ao cargo. "Llegó el momento, el presidente decidió que ya se había acabado su etapa y, lógicamente, este Consejo de Administración decidió que yo fuera presidenta", explicou. Ocupará o posto durante o tempo "que nos toque estar aquí".
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación ao termo do Consello sinalou que, en principio, non haberá ningún cambio máis no órgano de Administración do Pontevedra. Dos dez membros deste, puideron votar para a súa designación como presidenta oito, pois non acudiron á cita no Estadio Municipal de Pasarón nin Luis Durán nin Ricardo Tilve.
Non acudiron á cita no Estadio Municipal de Pasarón nin Luis Durán nin Ricardo Tilve
Os oito acudiron á reunión ás 20.30 horas e, tras unha hora e 45 minutos de deliberacións, presentouse nas oficinas do Pontevedra Lupe Murillo. Ela, que non era ata este luns membro do Consello, non fora convocada á cita. Tan só uns minutos antes da súa chegada ás oficinas, un dos conselleiros, Roberto Feáns, saíra a efectuar unha chamada telefónica.
Xa coa presenza de Lupe Murillo, a reunión prolongouse durante unha hora e media máis e ás 23.45 horas levantouse a sesión e realizouse o anuncio oficial. Saíron os membros do Consello con poucos xestos de alegría, agás a xa nova presidenta, que se mostrou ilusionada con esta nova etapa.
A poucos días de que empece a Liga, asegurou que comezan "con muchas ganas" e cun proxecto"para que esto tenga un futuro, una viabilidad, para que hagamos un club grande, que es lo que este club se merece". Para facelo posible, ten anunciado que esta mesma semana se empezará a pechar o equipo da tempada que vén.
A súa chegada repentina á Presidencia non será un problema para a posta en marcha deste proxecto que ten para o club porque "está en la cabeza" e, de feito, anunciou que probablemente este mesmo martes ou, como moi tarde, o mércores, o dará a coñecer en rolda de prensa. Este anuncio poderá ser inminente, segundo ela explicou, porque se traballou nos últimos meses" e o xa ex presidente "no ha dejado un club en el aire sino que ha sabido lo que ha tenido que hacer y el traspaso ha sido muy fácil".
Entre os plans de futuro non descarta un ascenso a Segunda B ante a opción de que este mesmo martes renuncie á súa praza o Puertollano, sinalou que é unha opción que "vamos a valorar". Aínda non hai unha decisión tomada porque están á espera de de poder falar co club manchego e coa Federación para "ver cómo es el proceso y si realmente es real y hasta donde podemos llegar", pero si adianta a nova presidenta que "es una opción".
Antes de darlle paso a Lupe Murillo, José Manuel Fernández recordou que dúas semanas antes xa anunciara que a súa etapa como presidente do Club remataba o 30 de xuño, pero que estaba pendente de resolver unha serie de asuntos de índole administrativa. Culminados estes, "por coherencia", fixo oficial a súa dimisión na reunión deste luns.
Relacionadas:
-
Lupe Murillo, na súa primeira rolda de prensa como presidenta: "Se hará lo posible por salir en Segunda B"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Acción Granate solicitará ao consello que o novo presidente sexa elixido en xunta extraordinaria
Por Ramiro Espiño |
-
O Consello rexeita ocupar a praza do Ourense: "El Pontevedra Club de Fútbol no va a pagar ese dinero"
Por Diego Espiño |
-
A despedida do plantel destapa a grave división no consello de administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Pescamar consegue o 27% do Pontevedra cubrindo a ampliación de capital
Por Diego Espiño |
-
Lupe abandona o consello, Argibay entra e Tilve dá un golpe de man na xunta de accionistas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |