Falece Joaquín Queizán, alcalde de Pontevedra entre os anos 74 e 79
Por Redacción
Joaquín Queizán Taboada faleceu na madrugada deste sábado aos 84 anos de idade.
Queizán Taboada foi protagonista dunha extensa vida política moi ligada á cidade de Pontevedra, onde foi concelleiro nas corporacións lideradas por Filgueira Valverde, García Borregón e Augusto García Sánchez, converténdose despois no último alcalde da ditadura.
O ex-rexedor da capital entre os anos 1974 e 1979 liderou a institución nos anos da transición ata a chegada de José Rivas Fontán ao cargo.
O Concello de Pontevedra mandou un telegrama de pésame á familia do político, recordado polo actual alcalde Miguel Fernández Lores como unha persoa respectuosa, "despois de alcalde foi representante do goberno galego e sempre mantivo unha posición respectuosa coas institucións, un comportamento que hai que agradecer".
Joaquín Queizán tamén foi delegado provincial de Turismo, Xuventude e Deportes, logo de Cultura, Deportes e Benestar Social, e para rematar de Presidencia.
A capela ardente foi instalada no tanatorio de San Mauro e o domingo será enterrado na intimidade familiar. O luns 26, ás oito de tarde, na Basílica de Santa María a Maior, será oficiado o funeral polo seu eterno descanso.