A APDR denuncia unha vertedura de fecais na praia de Raxó e pide medios para evitar que se repita
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) denuncia que na última semana produciuse unha vertedura de fecais na praia de Raxó, en Poio, e reclama que se poñan os medios necesarios para que non se volvan repetir feitos desta natureza.
Segundo o presidente a APDR, Antón Masa, este episodio de contaminación produciuse o día 28 de xuño. O mar apareceu cheo de verteduras sólidas con aspecto de excrementos humanos que se foron depositando sobre o areal dándolle un aspecto "absolutamente repugnante" e privándoo da súa vocación natural nesta época do ano, na que o lecer e o disfrute por parte da cidadanía require que tanto a area coma o auga estean nas mellores condicións hixiénicas.
Antón Masa asegura que todo indica que se trata dun mal funcionamento dalgún emisario de augas fecais, xa que na zona non existe ningunha depuradora que puidera provocar este problema no caso dun fallo no seu funcionamento.
Sexa cal sexa a orixe desta vertedura, consideran que "resulta inaceptable" que poidan ocorrer cousas como esta nunha zona que pola súa beleza é destino turístico para moitas familias na época estival.
Desde a APDR non só denuncian esta vertedura contaminante, senón que piden coñecer de quen é responsabilidade e medios para evitar estas situacións porque non só impiden o uso e disfrute dos areais senón que "dan ao traste coa explotación dos recursos marisqueiros da Ría, a principal fonte de ingresos de moitas familias da comarca".