Xornada de portas abertas en Cruz Vermella Pontevedra para celebrar o 150 aniversario da institución
150 anos cumpre Cruz Vermella o próximo 6 de xullo e a súa sede de Pontevedra súmase aos actos conmemorativos desta efeméride. Século e medio de accións humanitarias e participación que se celebran na cidade con numerosas actividades como campamentos infantís, encontros interxeracionais entre participantes de diferentes proxectos, encontros de voluntariado ou eventos deportivos.
Ademais destas accións, a asemblea comarcal de Cruz Vermella Pontevedra abriu as súas portas este mércores a diferentes asociacións e entidades de Pontevedra, para que coñecesen de primeira man as súas instalacións e algúns dos programas e proxectos que desenvolven na cidade. Aceptaron este convite a asociación de Down Xuntos, a Asociación de Amas de Casa Rías Baixas e a Asociación de veciños de Marcón.
Cruz Vermella contou coa participación dun equipo de voluntarios que realizaron estas visitas guiadas polas instalacións do organismo, explicando aos asistentes cada unha das accións que desenvolven na bisbarra.
A entidade destaca que en Pontevedra Cruz Vermella foi creada en 1909, segundo a acta de constitución, se ben xa hai documentos que reflicten actividades no 1898 cos expatriados da guerra de Cuba.
Durante o ano 2013 atenderon a máis de 35.000 persoas co apoio de 2.744 voluntarios e 7.153 socios, a través dos diferentes programas que desenvolven cos colectivos de persoas maiores, infancia en risco, inmigrantes, persoas sen fogar, mulleres vítimas da violencia de xénero, ou familias afectadas pola crise.