Animan a doar médula ósea para combater a leucemia: "Se poden salvar vidas a cambio de case nada"
Por Alejandro Espiño
David Gil perdeu o seu irmán Fran, vítima dunha leucemia, tras catro anos loitando contra esta enfermidade. Esta experiencia persoal levouno, dende entón, a organizar numerosas actividades. En todas elas busca sensibilizar á sociedade da importancia, entre outras cousas, da doazón de medula ósea, que se resulta compatible para un enfermo é vital para as súas posibilidades de recuperación.
ÿ, de feito, o impulsor da Marcha solidaria contra a leucemia, cuxa quinta edición celebrada o pasado 8 de xuño, uniu as cidades de Vigo e Pontevedra. Unhas 150 persoas percorreron, camiñando nuns casos e correndo noutros, a distancia que separa ambas as dúas localidades. Mesmo un grupo de persoas con discapacidade, adestrados por Francisco Javier Pitillas, uníronse á marcha completando o percorrido en bicicleta.
Estas actividades solidarias de David Gil comezaron en 2009 cando protagonizou a xesta de percorrer 500 quilómetros por toda Galicia para entregar nos sete hospitais nos que se recollen os rexistros de medula ósea, un total de 700 camisetas (100 para cada centro), para os doadores de medula ósea a partir dese momento. O obxectivo, informar sobre a necesidade de que aparezan máis rexistros e deste modo poder "salvar vidas en vida".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este martes a David Gil para reiterarlle o apoio do goberno municipal a todas as iniciativas que redunden "no beneficio xeral das condicións de vida dos pontevedreses". Neste sentido, sinalou que cun xesto "sinxelo e consciente" como o feito de ser doador de medula ósea "se poden salvar vidas a cambio de case nada".
Pola súa banda, David Gil sinalou que, se ben nesta última edición todo o diñeiro recadado foi para a Fundación Josep Carreras, o próximo ano "queremos que quede na casa" e destinarase a entidades galegas. A marcha volverá unir as cidades de Vigo e Pontevedra o segundo domingo de xuño.
Neste sentido, ambos os dous destacaron que o verdadeiramente importante é que os cidadáns acudan a doar medula ósea, "porque se o fan haberá máis posibilidades de atopar células compatibles cos enfermos". O Centro de Transfusións de Galicia é o que se encarga de transmitir información acerca deste tipo de doazón, ademais da xa coñecida e necesaria doazón de sangue. Pódese contactar con eles no teléfono gratuíto 900 100 828.
Relacionadas:
-
Unha marea solidaria de 700 persoas camiña entre Vigo e Pontevedra contra a leucemia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O CHOP realizou nove transplantes de medula ósea durante 2015
Por Redacción |
-
De Tui a Santiago, 120 quilómetros correndo para concienciar sobre a doazón de medula ósea
Por Redacción |
-
"La gente sigue creyendo que si te haces donante de órganos te van a matar antes"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Os alumnos de Los Sauces queren gañarlle a carreira á leucemia
Por Mónica Patxot |