Apoio unánime en Poio ao Orgullo LGBTI: os tres partidos acordan colgar a bandeira 'arco iris'
Por Redacción
Primeiro foi Pontevedra e agora Poio. No balcón da Casa Consistorial ondea dende este venres a bandeira de arco da vella, símbolo da comunidade LGBTI (lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais). O goberno municipal daba cumprimento así á moción plenaria, aprobada por unanimidade, para conmemorar o Día Internacional dos dereitos das persoas LGBTI, que se celebra este sábado 28 de xuño.
No acordo, adoptado a partir dunha moción presentada por BNG e PSOE, a corporación municipal de Poio recorda que son máis de 80 os países nos que hoxe en día se seguen vulnerando os dereitos humanos, discriminando e sentenciando a morte homes e mulleres por causa da súa identidade e ou da súa orientación sexual. Atrocidades, din, que se deben denunciar cada día, pero especialmente nesta efeméride.
Pero os políticos do municipio pontevedrés entenden que aínda que en Galicia se avanzou moito, "se seguen a vivir situacións moi graves de homofobia e de discriminación no ámbito familiar, laboral, escolar ou deportivo". De aí que insten a Xunta a desenvolver e aplicar "de forma urxente" a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais, aprobada polo Parlamento o pasado abril.
Poio acorda ademais manifestar o seu apoio á celebración do Orgullo LGBTI, motivo polo cal se colga a bandeira no concello, e o goberno municipal comprométese a colaborar cos traballos e actividades que estes colectivos desenvolvan no municipio.
Ademais, a corporación expresa o seu rexeitamento a calquera lexislación que supoña a máis mínima discriminación a calquera persoa pola súa condición sexual e, entre outros asuntos, insta o Goberno a que garanta unha especial atención nas embaixadas españolas a todos os procedementos de asilo e refuxio de todas aquelas persoas que son perseguidas nos seus países de orixe pola súa orientación sexual ou por defender os dereitos desta comunidade.