A Deputación denunciou ao exdirector do CEIP Príncipe Felipe por torturar a un neno
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, confirmou hoxe que foi a institución que preside a que "de xeito impecable, denunciou as prácticas deste exdirector do CEIP Príncipe Felipe ante a propia delegación de Educación e quen puxo o caso en mans da Fiscalía".
Refírese Louzán á imputación dun exdirector do Colexio de educación infantil e primaria, Príncipe Felipe en Pontevedra que, presuntamente espiu e atou a un neno de nove anos.
O auto do xuíz instrutor do caso, Xermán Varela, considera que os feitos denunciados poderían constituír un delito de torturas. As dilixencias abertas polo xulgado tamén se dirixen contra a que foi xefa de estudos.
No auto o xuíz recolle que polo menos nunha ocasión o imputado supostamente atou con bridas polo pulso e polos nocellos ao neno, deixándoo inmobilizado durante horas ata que unha profesora o liberou.
O auto tamén apunta que o exdirector obrigou ao menor a espirse de cintura para abaixo expoñéndoo de maneira que podía ser visto por calquera persoa que pasase polo seu despacho.
Respecto da xefa de estudos o xuíz apunta que coñecía este tipo de actuacións desproporcionadas e vexatorias e non fixo nada para impedilas.
Rafael Louzán condeou estes actos "ao mesmo tempo, manifestar a nosa repulsa sobre este tipo de actuacións que baixo ningún concepto se poden producir" e asegurou estar "plenamente convencido de que desde a Consellería de Educación tamén se adoptarán as medidas oportunas respecto diso".
De calquera modo Louzán entende que as actuacións "están no sitio que corresponde: no xulgado, para que se comproben ben os feitos e isto non volva suceder e sexan só unha cuestión illada que xamais se debeu producir".
"Agora debe ser o xulgado quen ditamine cal vai ser o proceder neste tema. O que si está claro é que por parte da Deputación actuouse con dilixencia e rapidez cando tivemos coñecemento deste tipo de prácticas", afirmou o presidente da institución provincial.
Louzán recordou que este caso "que ven do ano 2011" afecta a un exdirector do CEIP Príncipe Felipe, de Pontevedra, pertencente á Consellería de Educación "en todo caso si é certo que é un centro público que está situado na Cidade Infantil que é propiedade da Deputación, pero a xestión e o persoal dese centro é da propia Consellería", precisou.