Marín pon a proba os aspirantes aos postos de socorristas e patróns para as súas praias
Dende primeira hora da tarde, os aspirantes a traballar este verán vixiando as praias de Marín concentráronse no areal de Mogor. Foran citados polo goberno municipal para pasar as correspondentes probas físicas. E é que non hai sitio para todos. Marín oferta este ano 22 prazas para socorristas e patróns de embarcación e as solicitudes triplicaron o número de postos dispoñibles.
As probas físicas comezaron cos aspirantes a socorristas. Debían completar un circuíto no que tiñan que correr 100 metros, nadar outros 250 metros e volver á area para percorrer a pé os últimos 50 metros.
E todo iso cargando con parte do material de traballo que utilizarán a diario nas praias: flopis, aletas e lentes.
Ese mesmo exercicio tiveron que facer os que optaban ao posto de patrón de embarcación. Pero a maiores debían demostrar a súa valía no manexo da lancha. Tras subirse a ela e poñer en marcha o motor, tiñan que levala ata unha boia situada na auga, bordeala e volver á beira, deixando a embarcación tal cual encontrárona inicialmente.
Ademais destas probas físicas, os aspirantes deberán completar nos próximos días unha proba teórica. Da media de ambos os dous exames sairán os elixidos.
Está previsto que o día 1 de xullo os socorristas comecen a exercer o seu traballo de vixilancia nas catro praias principais do municipio marinense: Portocelo, Mogor, Loira e Aguete.
Precisamente nesta última, este mércores foi colocada a nova caseta de socorrismo, xa que a anterior fora destruída durante os temporais de inverno. Para a súa instalación foi necesaria a axuda dun guindastre de gran tamaño.