Poio goza das cacharelas no seu día grande
Por Redacción & Mónica Patxot
A noite máis meiga do ano ten un sabor especial en Poio, que vive o seu día grande dentro das Festas de San Xoán.
O ceo, que ameazou a celebración durante boa parte do día, respectou a noite para cumprir rigorosamente cada unha das súas tradicións.
Recolléronse as herbas de San Xoán e na concentración máis multitudinaria, a da Seca, repartíronse máis de 300 quilos de sardiñas acompañados pola música das orquestras Mosaico e Magos de España e o espectáculo de fogos artificiais que precedeu ao arranque o lume purificador da cacharela central no municipio.
Co mar como pano de fondo moitos foron os que deixaron atrás o mal de ollo saltando nas cacharelas autorizadas nas diferentes parroquias de Poio e que se desenvolveron sen incidencias destacables.
As Festas de San Xoán continúan este martes con diversos actos como a actuación da Coral Virxe da Renda de Combarro, un concerto a cargo da Banda Unión Musical de Meaño ou a verbena amenizada polas orquestras Televisión e Palladium.
O programa de actividades non se pechará ata o xoves 26 cun espectáculo de fogos de lucería.