A Fiscalía recomenda a libre absolución dun home acusado de agresión sexual ante a falta de probas concluíntes
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A Sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra celebrou este xoves un xuízo contra un veciño de Vigo acusado dun delito continuado de agresión sexual. Ao finalizar o xuízo e elevar as súas conclusións a definitivas o fiscal pediu "de manera formal", unha condena de 12 anos de prisión para este home, aínda que "oralmente" se dirixiu ao tribunal para interesar que diten unha sentenza absolutoria "ao entender que existen dúbidas razoables".
Os feitos que se xulgaban sucederon en Moaña. Fiscalía e a acusación particular acusan a Manuel Ángel A. de ter agredido sexualmente en varias ocasións á súa parella sentimental no piso no que convivían.
Durante o xuízo o acusado achacou a denuncia da súa exparella á mala relación xerada despois de que a muller sufrise un aborto. O home, que ten tres fillos doutra relación, asegurou que a súa parella "se volvió agresiva" e que rompeu con ela "porque el trato que les daba a mis hijos no era el adecuado".
A ruptura da relación foi conflitiva xa que el lle esixiu o cambio na titularidade dun coche e ela lle acusou de terlle furtado 8.000 euros "me amenazó en unos mensajes en el móvil que me iba a denunciar por violación si no le devolvía el dinero", dixo.
Pola súa banda a presunta vítima explicou que intentara deixalo en varias ocasións e que en marzo do ano 2012, el acudiu ao piso que compartían en Moaña para recoller os seus aparellos e alí forzouna sexualmente en varias ocasións, aínda que ela opuxo resistencia.
Non obstante, admitiu que tardou máis dunha semana en denunciar estes feitos "porque estaba bloqueada", dixo ao tribunal,"siempre he sido muy celosa de mi intimidad. No compartí esto con nadie", engadiu.
Compareceron como testemuñas dous dos fillos do acusado que describiron ao seu pai como "un mujeriego" e confirmaron un cambio na actitude da presunta vítima despois de perder ao fillo que esperaba. Así mesmo unha prima desta muller asegurou que estivera con ela e o acusado o día anterior e "no vi nada raro. Eran una pareja normal".
O fiscal valorou o testemuño da presunta vítima como "persistente e verosímil" pero apuntou a "ausencia de incredibilidad subjectiva" xa que entende que "existen motivos espurios" que sementan unha "dúbida razoable" na súa acusación.
Neste sentido indica que o feito de que a muller non acudise a presentar denuncia ata dez días despois, a falta de probas periciais dunha relación sexual non consentida, o suposto furto ou a manifestación dunha ameaza por teléfono móbil, entre outras razóns, lle levan a interesar unha sentenza absolutoria tal e como pide a defensa do acusado.