Todo a punto para a apertura do primeiro restaurante McDonald's de Pontevedra
McDonald's abrirá ao público esta mesma semana o seu primeiro restaurante o Pontevedra. As obras de construción do seu McAuto na avenida de Lugo xa están rematadas. A empresa busca agora o mellor momento para iniciar a súa actividade. Algo que, segundo fontes consultadas por PontevedraViva, pretenden facer este xoves 19 de xuño. Así llo fixo saber aos seus novos empregados, aínda que estes plans poderían variar lixeiramente.
A pesar de que aínda non contan con licenza de apertura, a nova lexislación relativa ás licenzas express permite que poidan abrir sen ela, segundo confirman dende o Concello de Pontevedra. Posteriormente, o establecemento deberá superar a revisión que farán os técnicos de Urbanismo, que teñen que comprobar que as obras realizadas se axustan á licenza solicitada no seu día. De ser así, os seus permisos serían definitivos. Este último trámite non impediría, en todo caso, a súa apertura na data que baralla a multinacional.
En concreto, este primeiro McDonald's que se constrúe na cidade de Pontevedra está situado no número 79 da avenida de Lugo. Ocupa a parcela na que antigamente se encontraba Serviauto, un vello taller de recambios de automóbil. Está situada ao lado dunha área de lavado de vehículos e xusto en fronte dos concesionarios de Honda e Chevrolet e do supermercado DIA.
Na construción deste restaurante, McDonald's investiu preto de 1,3 millóns de euros. Os traballos duraron apenas tres meses, xa que o inmoble, de 1.454 metros cadrados, está composto por estruturas modulares prefabricadas e doadamente ensamblables sobre o terreo. Trátase do mesmo modelo de McAuto que a empresa estadounidense constrúe dende hai anos.
MÁIS DE 40 EMPREGOS E CAPACIDADE PARA CASE 300 PERSOAS
McDonald's contratou unhas 30 persoas, que nas últimas semanas estiveron a realizar un curso de formación
O inmoble, de forma rectangular, conta cunha zona de restaurante repartida en dúas plantas con capacidade para 142 prazas, unha terraza exterior para 140 persoas e un aparcamento soterrado con 26 prazas. Ademais, debido á súa condición de McAuto, que permite solicitar os pedidos dende o coche e sen necesidade de entrar no establecemento, habilitouse, entre outros, un carril de circulación perimetral ao edificio, unha zona de terraza e un parque infantil.
Os traballos completáronse ademais, coas obras de urbanización cara ao frontal da parcela na Avenida de Lugo e na rúa lateral, que viu ampliado o seu ancho para permitir o paso dos vehículos que acudirán ao restaurante.
A intención da multinacional é abrir as 24 horas ao día. Para iso contará con 45 traballadores, 35 deles de nova contratación, que nas últimas semanas estiveron a realizar un curso de formación. A oferta de emprego, publicada a través do Boletín de Emprego Municipal, solicitaba no seu día xente coa ESO completada e dispoñibilidade horaria completa, así como actitude de servizo e atención ao cliente. A cambio, a compañía ofrecía contratos a tempo parcial de carácter temporal e indefinido.
Este será o decimosexto establecemento que McDonald's abre en Galicia. A multinacional de cómida rápida xa tiña presenza na Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.