Unha residencia de luxo e un hotel, entre os posibles novos usos do edificio de Almacenes Rodiño
Por Alejandro Espiño
Tras case 70 anos de actividade, os Almacenes Rodiño pecharán as súas portas en breve. Con eles despedirase un dos establecementos máis emblemáticos do centro histórico pontevedrés. Aberto desde 1945, está entre as mercerías e paqueterías máis antigas da cidade. Varios carteis nas portas do negocio, situado na rúa Don Gonzalo 8-10, anuncian o seu inminente futuro. Liquidan todo o seu stock por xubilación.
Pero pronto terá novos donos, aínda que entre os seus plans non está continuar co negocio tradicional. Segundo puido saber PontevedraViva, os seus actuais propietarios chegaron a un acordo para vender o inmoble. Ningún membro da familia Rodiño Escudero quere confirmar o nome do particular ou empresa que se fará cargo do histórico edificio, pero o que está claro é que o seu destino parece que aínda non está decidido.
Soan con forza dúas opcións. Por unha banda, converter o establecemento nunha residencia da terceira idade coas mellores prestacións posibles. Aínda que fontes coñecedoras da operación falan ata dun hotel con encanto. Sexa como sexa, os compradores do edificio "barallan ata catro posibilidades de negocio", segundo estas voces. Aínda que o primeiro será realizar unha serie de actuacións no mesmo para evitar o seu deterioro.
De feito, o pasado día 5, o Concello de Pontevedra recibiu unha solicitude de información urbanística sobre dito solar. O trámite, realizado por unha empresa privada, pretende aclarar a cualificación do edificio, afectado en todo caso pola protección especial que exerce o Peprica sobre o centro histórico, o que podería limitar o proxecto a executar. En todo caso, serán o informe dos técnicos municipais, aínda pendente, o que aclare esta cuestión.
Un almacén de pintura e unha ferretería, a principios do século XX, ocuparon este edificio da rúa Don Gonzalo, unha das máis transitadas do centro histórico pontevedrés. Pero pouco despois de terminar a II Guerra Mundial, Juan Rodiño Escudero fíxose co local. Aí empezaba unha longa e exitosa traxectoria que continuaron os seus descendientes. Un establecemento que foi testemuña da historia da cidade e que, moi pronto, deberá adaptase aos novos tempos.
Relacionadas:
-
A futura residencia en Almacenes Rodiño xa conta con todos os permisos para comezar as obras
Por Alejandro Espiño |
-
A residencia e centro de día no antigo edificio de Almacenes Rodiño, máis preto
Por Alejandro Espiño |
-
Unha residencia para a terceira idade e centro de día no edificio de Almacéns Rodiño
Por Diego Espiño |