Un recluso acepta 3 meses de cárcere por un enfrontamento con outro preso na Lama
Por Redacción
Os dous reclusos que se enfrontaran na prisión da Lama chegaron a un acordo de conformidade este mediodía na Audiencia Provincial de Pontevedra despois de que a fiscal rebaixase a petición de penas por un delito e unha falta de lesións.
Sergio Fernández Ramos de Sousa e José Manzano enfrontáranse como consecuencia dunha discusión nun módulo do centro penitenciario que compartían. Segundo o escrito de Fiscalía, ambos os dous golpeáronse mutuamente pero sen utilizar ningún obxecto. José Manzano sufriu máis danos coa perda dun dente incisivo.
Non obstante, os informes forenses obrigaron a fiscal a rebaixar a petición de pena debido a que a vítima presentaba unha "boca séptica" na que xa faltaban outras pezas. Por este motivo, a Fiscalía entende que non se produciu unha deformidade significativa tal e como se recolle para manter a reclamación de 4 anos de prisión por un delito de lesións e rebaixou a petición a 3 meses.
O acordo recolle tamén unha rebaixa dos 150 euros pedidos inicialmente para José Manzano a 30 días por dous euros. A súa parella, que se atopaba na Audiencia, afirmaba que Manzano sufrira os danos máis graves na pelexa e que Sergio Fernández intentara matalo "mazándole toda la cara" despois de ter mantido unha discusión por un cigarro.
José Manzano continúa cumprindo unha pena na prisión da Lama mentres que Sergio Fernández Ramos de Sousa foi trasladado a outro centro penitenciario fora de Galicia. Ambos os dous acudiron aos xulgados escoltados pola Policía Nacional. Sergio Fernández mantivo cuberta a cabeza cunha carapucha e mesmo se mostrou molesto cando o xuíz lle pediu que se erguese para confirmar a súa culpabilidade e a aceptación do acordo.