A plataforma pontevedresa das Marchas da Dignidade rodeará o Parlamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Plataforma Galega das Marchas da Dignidade convoca para o próximo 21 de xuño un "acto simbólico" consistente en rodear o Parlamento de Galicia. Será o próximo 21 de xuño en Santiago de Compostela.
A Plataforma pontevedresa do 22 M, que integran diversos colectivos e organizacións, acordou participar nesta "protesta pacífica" fretando autobuses para dirixirse á capital de Galicia onde coincidirán con outros colectivos procedentes de toda a xeografía galega.
O secretario xeral de CGT Pontevedra, Miguel Cuña, un dos voceiros da Plataforma Galega do 22 M explicou que con esta mobilización queren "intentar cambiar o sistema".
Detrás desta convocatoria que leva por lema "Pan, traballo e teito! ", encóntranse colectivos como a CGT, CUT, Sindicato Ferroviario, Anova, Podemos, Esquerda Unida, ou o 15 M, entre outros.
No manifesto presentado pola Plataforma Galega das Marchas da Dignidade afírmase que "o Parlamento Galego foi secuestrado polas mafias financeiras e, coa principal colaboración do PPSOE, están a roubar o que é do pobo para entregalo aos bancos e ás grandes empresas, moitas das cales instalan portas xiratorias para sentar nos seus consellos de administración os mesmos que os favorecen cando gobernan".
"O Parlamento Galego non está ao servizo das persoas, so serve aos intereses do poder económico. ÿ hora de devolver o poder ao pobo, é tempo de recuperar o que é noso. Cando o Parlamento non cumpre a súa función, carece de lexitimidade", di o escrito feito público por esta Plataforma en rolda de prensa en Pontevedra.
REXEITAN A VIOLENCIA
Durante a rolda de prensa da Plataforma pontevedresa das Marchas da Dignidade recordouse o sucedido o pasado 22 de marzo en Madrid durante un acto de protesta multitudinario e pacífico que concluíu con actos violentos.
Neste sentido Miguel Cuña precisou que o próximo 21 de xuño acudirán a Santiago "como fuimos al 22M, con plena conciencia de que fuimos pacíficamente, tranquilamente, sosegadamente, no vamos en absoluto ni deseamos ningún enfrentamiento con nada ni con nadie más allá de las ideas las palabras los actos y el testimonio".
Este voceiro insistiu en que "para nada vamos a recurrir a ningún procedimiento ajeno a manifestar pacíficamente esa voluntad de exigir nuestra dignidad, si algún otro tiene otros objetivos, estar seguros de que no será de la Marcha de la dignidad". Miguel Cuña sinalou que os actos violentos acontecidos o 22 de marzo en Madrid, foron protagonizados por "personas ajenas al movimiento y en el momento en el que se producía el cierre de la manifestación".