Emocionada despedida de José Freire como secretario xeral do SUP en Galicia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O VIII Congreso Federal do Sindicato Unificado de Policía (SUP), elixiu a Roberto González como secretario xeral do sindicato en Galicia, substituíndo ao pontevedrés José Freire.
A elección de Pontevedra como sede deste Congreso foi unha deferencia do comité executivo cara ao secretario xeral saínte, José Freire, todo un recoñecemento a quen foi un dos fundadores do SUP en Pontevedra no ano 1981.
Ademais da renovación da executiva, no Congreso abordouse un relatorio sobre acción sindical coas principais reivindicacións do sindicato de cara aos próximos anos.
O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiron á clausura deste congreso xunto a numerosas autoridades civís e policiais.
Así, Juárez destacou que o SUP é o sindicato que ten máis representación e "obviamente son os voceiros cos que se mantén un contacto máis frecuente porque a eficacia do traballo dos policías, que todos desexan, redunda tamén nunha mellora das condicións do colectivo".
Neste sentido, Samuel Juárez recordou que España está a atravesar un momento "moi complicado, coa situación de crise grave" e iso, dixo, "repercutiu moito en todos os colectivos e evidentemente no dos funcionarios".
"Creo que un sindicato que é capaz de comprender iso, aínda que se queixe e reivindique como é a súa misión, é un sindicato que contribúe construtivamente a mellorar o labor da policía e en definitiva a mellorar o labor que esperamos deles que é a de velar pola nosa seguridade", concluíu Juárez.
SÁNCHEZ DE DIOS E GIRÁLDEZ
O Congreso do SUP tamén rendeu homenaxe a varios axentes coa imposición das insignias de ouro e prata pola súa traxectoria profesional e a súa contribución ao sindicalismo policial.
Así mesmo, tamén recibiron a distinción os xornalistas Javier Sánchez de Dios e Eugenio Giráldez, por "dar voz ao sindicato durante a clandestinidade".