Unha nova certificación de calidade garante a salubridade do abastecemento de auga en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A auga que bebemos en Pontevedra é dunha calidade "excelente". ÿ a mensaxe que traslada o Concello. E teñen como demostralo. Acaba de recibir unha nova certificación de calidade, a denominada ISO 22.000, un rexistro que só lograron outras tres cidades españolas, Barcelona, Tarragona e Murcia, e que garante o control analítico da auga potable en todo o proceso.
"Somos a primeira cidade galega en conseguilo", explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Raimundo González. Concedéuselle a Pontevedra, dixo, polos investimentos realizados neste ámbito que permiten, desde hai pouco, controlar dunha forma máis efectiva cada paso na subministración de auga, desde a extracción no río e a potabilización na estación de Lérez, ata a distribución nos fogares.
"Se antes detectabamos algún fallo, só podiamos pór en marcha medidas correctoras", asegurou o edil nacionalista. "Agora calquera risco que descubramos, podémolo atallar de forma preventiva". Algo que, segundo o Concello de Pontevedra, redunda nun mellor servizo á cidadanía "e na mellora da calidade de vida dos veciños".
A empresa que concede esta certificación ambiental, a firma alemá TÿV Rheinland, acudirá a Pontevedra este xoves para facer entrega deste recoñecemento, que se suma ás outras dúas certificacións coas que conta o servizo, e que recoñecen a calidade da subministración de auga e a satisfacción do cliente e a boa xestión ambiental.