Todos os "tesouros" de Pontevedra recollidos nunha web
Por Oskar Viéitez
Tesouros do tempo, é unha iniciativa da Concellaría de Patrimonio Histórico, para a protección, conservación, catalogación e divulgación dos bens culturais do municipio de Pontevedra. Nace ao abeiro do Plan do patrimonio rural iniciado en xullo de 2012.
A web organízase en tres seccións: catálogo, roteiros e novas. A sección do catálogo é un repertorio incompleto dos bens patrimoniais de Pontevedra, organizados en catro categorías: arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos e infraestruturas. Segundo o concelleiro, Luis Bará, "a nosa pretensión de cara ao futuro é incluir no catálogo o amplísimo e riquísimo acervo cultural inmaterial que nos foi legado".
Tanto para a tarefa de completar o catálogo dos bens materiais coma para iniciar a recollida e catalogación dos inmateriais, dende o Concello fan un chamamento ás persoas que poidan achegar ideas, contidos, imaxes, gravacións, etc. O catálogo compleméntase con un apartado de publicacións, na que se recollen documentos diversos que se foron publicando ao longo do tempo e que as veces son de difícil localización.
Tesouros do tempo ten unha clara vocación participativa e colectiva
Na sección de roteiros inclúense propostas organizadas en tres temas: sendas naturais, roteiros urbanos e roteiros nas parroquias. Son unha pequena mostra do amplísimo repertorio de espazos da cidade e as parroquias.
Por último, a sección de novas ten como finalidade informar das actividades e facilitar a inscrición nas mesmas. Compleméntase con exposicións monográficas sobre temas de interese, que se irán ampliando con novos contidos.
Tesouros do tempo ten unha clara vocación participativa e colectiva. O común é de todos e de ninguén, lembrou o concelleiro Luis Bará, por iso reclama a atención máis esmerada das institucións públicas e a implicación activa das entidades sociais e das persoas que cren nos inmensos valores do patrimonio cultural como ferramenta de cohesión, de identidade, de dinamismo e de goce colectivo.