Nin a chuvia os detén: peregrinación militar a todo gas a Santiago
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Dende as 7.30 horas deste martes 24 patrullas militares están a poñer a proba a súa dureza, habilidade e resistencia co reto a maiores de facelo 'de ruta'. De ruta xacobea. Están a percorrer os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago de Compostela ao tempo que realizan sete probas e teñen un reloxo facendo tic-tac tras eles. Activouse ao inicio do percorrido e antes de que alcancen as 36 horas todos os soldados teñen que ter alcanzado a praza do Obradoiro
O desafío o autoimpuxeron todos eles cun obxectivo: gañar o concurso de patrullas Tui - Santiago que a Brigada de Infantaría Lixeira Galicia VII (Brilat) organiza dende hai trece anos con motivo do aniversario da súa creación, que o próximo 7 de xuño conmemorará que cumpre 48 anos.
Este 2013 está a ser unha edición de récord. O primeiro logro foi a participación, co número máis elevado de patrullas da historia da proba (24). Tamén a diversificación, pois entre os que cobren o Camiño Portugués a Santiago están, por primeira vez, estranxeiros, do Corpo de Marines de Estados Unidos, e hai militares de 14 unidades diferentes e 12 de unidades da Brilat de Pontevedra, Valladolid e Asturias.
O récord tamén está a ser o tempo invertido polas patrullas, pois avanzan con dúas horas de vantaxe sobre as previsións iniciais dos organizadores. As primeiras horas adoitan determinar o resultado da carreira, pero non só pola velocidade coa que patrullen, senón porque nelas se desenvolven un maior número de probas e para o baremo do concurso son igual de transcendentes que o tempo que tarden en alcanzar a meta. Pasadas as 18.30 horas, once horas despois de saír de Tui (dez se se ten en conta a hora obrigatoria de descanso na base General Morillo de Figueirido), e baixo unha chuvia insistente, as seis primeiras patrullas xa pasaran cinco das sete probas puntuables: percorrido topográfico, tiro de precisión con fusil, paso de pista de obstáculos, paso de rápel e paso de río.
As catro primeiras en ruta levaban pasaporte da casa: un equipo de Artillaría, dous de Infantaría e un de Zapadores da Brilat. Moi de preto seguíanos equipos das brigadas Paracaídista e da Lexión. Á ponte de Monte Porreiro, onde realizaron unha demostración de rápel voado ante unha vintena de persoas de público, chegaron as seis con apenas media hora de diferenza.
Tras o rápel, uns 400 ou 500 metros máis abaixo, demostraron a súa habilidade na auga co paso de río a través do río Lérez. Esta proba realizouse en Pontevedra por primeira vez nesta edición (ata agora era de madrugada en Padrón) e demostrou cumprir o obxectivo polo que se cambio a súa localización: congregou un bo número de espectadores que animaban os militares nadadores a pesar de que chegados a ese punto a chuvia xa non paraba en Pontevedra. Entre quen os animaba, o xeneral da Brigada, Luis Cebrián Carbonell.
Xa só quedaba quitar o traxe de neopreno e poñer rumbo a Padrón con dúas cousas na cabeza: as dúas probas de lanzamento de granadas e percorridos cronometrados que lle quedan por superar. E, como sempre, asegurarse de que ningún membro da patrulla sufra ningún contratempo, pois a Tui - Santiago ten entre as súas finalidades fomentar o espírito de cohesión e reforzar a identidade colectiva de Forzas Lixeiras, facendo extensivos os lazos de unión ao resto de Exércitos que compoñen as Forzas Armadas. Para asegurarse de que se cumpra, puntúa que cheguen todos en perfecto estado e se a patrulla ten máis dunha baixa é motivo de descualificación.
O cabo Zambrano, patrulleiro da Oitava Bandeira da Lexión, recorda, de feito, que na súa primeira participación no concurso, hai dous anos, quedaron sétimos tras perder un compoñente e ao equipo doeulle non chegar todos: "Tengo esa espinita clavada ahí aún". Este ano, nas trece primeiras horas de percorrido, non houbo baixas en ningún equipo.
O concurso ten entre as súas finalidades dar a coñecer o nome da Brilat e nas dúas últimas edicións este obxectivo cumpriuse non só pola proxección exterior do evento, senón pola identidade dos seus gañadores, o Batallón de Zapadores (BZAP) da propia Brigada. Para eles a presión é maior, queren revalidar o título, tal e como recoñece o teniente Javier Villareal: "llevamos varios años ganando y es como el reto, vamos con la presión de que no nos ganen".
Para iso, entrenaron duro e "tenemos gente muy bien preparada", asegura cando acaba de ver os seus cruzar o río Lérez a nado con habilidade, demostración de que "llevan un entrenamiento muy duro", que incrementaron nos últimos tres meses "no solo físicamente, sino mentalmente". A pesar de que "siempre hay un poquillo de rivalidad con otras unidades y con las otras armas", é unha competicón "sana" na que non sabe se repetirán podio, pero si augura que non estará alí o grupo de Marines: "No saben lo que han venido a hacer".
Relacionadas:
-
Marines estadounidenses adestran en Asturias con militares da Brilat
Por Redacción |
-
De Tui a Santiago a fume de carozo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
25 patrullas de 15 unidades militares de España e USA percorrerán o Camiño de Santiago
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
22 patrullas militares finalizan con éxito a Tui-Santiago no seu ano con máis participación
Por Redacción |
-
Os artilleiros da Brilat rompen os cronómetros e chegan de Tui a Santiago en 22 horas e 20 minutos
Por Natalia Puga |
-
A CIG-Ensino pide responsabilidades polo campamento militar "instalado" no patio do centro de FP da Xunqueira
Por Redacción |
-
A Tui-Santiago da Brilat internacionalízase cunha patrulla de Marines de USA
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As patrullas da Brilat compiten polo Camiño Portugués, quen chegará antes a Santiago?
Por Redacción |