"Hoy como lo mismo que los demás"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Hoy como lo mismo que los demás", presume con desenvoltura un rapaz de cinco anos. Estanos a tomar o pelo, posto que el sabe mellor que ninguén, que é xusto ao revés, que os demais comen hoxe o mesmo ca el, que é celíaco.
Ensalada, polo asado con arroz e froita. No Colexio Vidal Portela, ao igual que no resto de comedores escolares que atende a empresa Serunión, este martes celebrouse o Día do Celíaco.
A xornada ten por obxectivo sensibilizar e informar aos menores sobre este trastorno alimentario que afecta a máis de 450.000 persoas en toda España, de modo que se trata dunha enfermidade moito máis común do que se adoita pensar. Padécea unha de cada cen persoas. Os responsables da empresa Serunión insistiron na grande importancia que o seu servizo de axudas especiais ten nun comedor escolar, "onde a seguridade alimentaria e a nutrición deben prevalecer en todos os nosos menús".
Nos últimos anos xunto á celiaquía viviron un aumento do número de intolerancias alimentarias que os obrigou a extremar o coidado nos menús.
A xornada deste martes serviu tamén como unha chamada de atención fronte á gran cantidade de casos sen identificar porque os pacientes non manifestan síntomas ou presentan síntomas non dixestivos que fan que o diagnóstico se atrase durante anos e que o afectado visite numerosos médicos ata chegar ao especialista.