A solidariedade pontevedresa organízase para ser máis eficaz
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra acordou este luns a aprobación inicial do regulamento do programa municipal de voluntariado social.
Afortunadamente durante estes anos de crise, a resposta solidaria da cidadanía foi crecendo ao mesmo tempo que aumentaban a pobreza e o número de persoas que necesitan axuda.
Toda esta acción social necesita ser canalizada para que sexa máis eficaz, e con este obxectivo o goberno local formulou un plan municipal de voluntariado, no que a plataforma Redeaxuda actúa como catalizador.
A nova normativa engloba todo o voluntariado, impulsando a transversalidade sen limitarse a un ámbito social e potenciando a transferencia de cooperantes.
Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, preténdese establecer unha rede que abranga calquera área, dende a ambiental á de xestión, a sensibilización e a formación, a atención a maiores e o sector xuvenil. Unha rede que oriente ás persoas que queiran colaborar sobre como e onde facelo e que necesidades son as prioritarias.