1.000 euros ao mellor traballo académico gastronómico de España
Por Redacción
Fomentar a difusión da cociña galega e premiar o labor realizado por xornalistas e escritores sobre esta temática. ÿ o obxectivo do Premio nacional de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro que, organizado polo Concello de Lalín ao abeiro da Feira do Cocido, este ano chega á súa XIX edición. Repartirá 5.000 euros en premios, dos que 1.000 resérvanse para o mellor traballo académico sobre gastronomía.
Calquera estudante interesado en participar, sempre que sexa de Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou de Publicidade e Relacións Públicas, terá ata o 12 de xaneiro de 2013 para presentar o seu traballo que deberá estar acreditado por un docente do seu centro de estudos. Poderá concorrer con proxectos pensados para prensa, radio, televisión ou web sempre e cando teñan como tema principal a gastronomía.
O Concello e os demais organismos e institucións que impulsan estes premios decidiron manter esta modalidade tras a súa implantación no pasado ano "pola excelente acollida que tivo", comentou José Antonio Rodríguez Fernández, concelleiro de Turismo, aínda que nesta edición esperan unha maior participación de alumnado de Galicia.
"Queremos que as facultades de comunicación da comunidade formen parte deste proxecto", engadiu o alcalde, José Crespo, de aí que este ano, "os decanos das tres facultades de comunicación de Galicia formarán parte do xurado que emita este premio especial".
Estes galardóns naceron co obxectivo de mellorar a difusión da Feira do Cocido "engadindo cada vez un condimento máis que converta a este evento non só nunha festa gastronómica, senón que venda a imaxe de Lalín e da comarca do Deza", sinalou José Crespo.
O fallo do xurado darase a coñecer oficialmente nun acto programado con anterioridade á XLV Feira do Cocido, que se celebrará o 3 de febreiro de 2013.