A asemblea da APDR revalida a Antón Masa á fronte do colectivo dous anos máis
Por Redacción
Antón Masa seguirá presidindo a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) durante polo menos dous anos máis. A asemblea de socios celebrada este martes na Casa das Campas elixiu á nova Xunta Directiva do colectivo nunha elección á que optaba unha última candidatura e que recibio o apoio unánime dos presentes.
O novo equipo tan só presenta un cambio con respecto aos que acaban de pechar dous anos á fronte da APDR e recibiu o apoio da asemblea para continuar coas liñas de traballo actuais durante o período 2014-2015, do que sinalan que "evidentemente vai vir marcado entre outras cousas- pola aplicación da nova normativa de Costas e a posible concesión dunha nova prórroga a Ence e a Elnosa na nosa Ría".
A Xunta Directiva saínte deu conta do balance económico anual, no que a principal partida de ingresos se corresponde coas achegas as cotas de socios e a venda de materiais, calenarios e revistas e os gastos fundamentais foron a organizacion de actividades reivindicativas como a Marcha 2013 ou o aluguer do local no que ten a súa sede de traballo.
A curto prazo todos os seus esforzos se centrarán en organizar a Marcha 2014, que este ano se realizará o sábado 14 de xuño, pero tamén en seguir adiante coas súas denuncias ambientais. De feito, Antón Masa adiantou á asemblea que este xoves informarán publicamente aos medios de comunicación sobre as denuncias que a APDR presentou recentemente contra as verteduras de Ence e sobre o estado actual e as consecuencias destas.