A Reigosa dispoñerá dunha depuradora de filtro biolóxico con humedais
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, supervisou o avance das obras para a construción do saneamento da Reigosa na que a Xunta inviste máis de 700.000 euros na construción dunha EDAR e unha rede de saneamento con 5.800 metros de canalización e 171 pozos de rexistro.
Perfecto Rodríguez considera que o bo ritmo dos traballos permitirá que o saneamento entre en servizo, como estaba previsto, durante este verán concretando así un dos compromisos adquiridos polo alcalde de Ponte Caldelas cos veciños da zona e dá tamén cumprimento ao acordo alcanzado entre o rexedor e o propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MATI), Agustín Hernández nunha reunión mantida en Santiago para abordar diversos temas de interese para o municipio.
O Concello acometerá as conexións para as vivendas e construcións do lugar
Nestas últimas semanas estase a finalizar a instalación das canalizacións na zona da Carrasqueira e na zona do Campo. Durante os dous próximos meses finalizarase a instalación da rede de colectores en todo o lugar para permitir tamén a conexión do Colexio da Reigosa e o seu ámbito. Unha vez finalicen esas obras, o Concello acometerá as conexións para as vivendas e construcións do lugar, co obxectivo de que antes de finalizar o verán os veciños da Reigosa poidan xa solicitar a conexión e contar co servizo de rede de sumidoiros.
Soamente se detectaron problemas para dous ou tres vivendas, nas que a súa conexión ao servizo dependerá de que consigan autorización para pasar as súas acometidas por terreos particulares. Así sucede coas vivendas da zona da Corredoira e con algún taller, pero que o Concello non pode resolver se os interesados non contan coas autorizacións dos propietarios dos terreos por onde terían que realizar a súa conexión. Non obstante o alcalde é optimista e espera que a gran maioría das vivendas e construcións poidan finalmente contar co servizo.
Os traballos que están a punto de concluír prevén a instalación dunha depuradora, que se dimensionar para unha poboación de 314 habitantes, e que se basea nun filtro biolóxico con humedais.
O alcalde, Perfecto Rodríguez afirmou que "é un investimento moi importante para Ponte Caldelas, a segunda en relevancia en materia de saneamento despois da construción da EDAR que da servizo á vila", manifestou o alcalde.